Cruzada contra a Imposición Lingüística !
22/02/2008
Cicais sexa pouco afortunado o termo empregado pola presidenta de GB para arengar ós participantes no acto a seguir recollendo sinaturas a prol da Liberdade Lingüística en Galiza… pero ante a realidade lingüística que estamos a vivir nos últimos meses compre tomar distancias daqueles que pensan seguir o camiño da ‘inmersión lingüística’ especialmente nas cidades nas que –como todos ben sabemos- o uso do galego é, cando menos, moi minoritario entre os xoves.
Non parece de recibo que mentres algúns denunciamos que unha lingua NON SE FALA POR DECRETO outros estades empeñados nunha ‘cruzada galego-institucional’ que convirte ós que falamos castelán en pouco menos que traidores á patria e á terra…!
Estas noticias non deberan pasar de anécdotas pero algúns estades a facer delas unha categoría perigosa para o futuro da lingua e cultura galegas. Son moitos os foros nos que se tilda de ‘fascistas’ ós que defendemos a Liberdade Lingüística, as rapazas que interrumpiron a conferencia de GB berraban ‘o bilingüísmo é españolismo!’… e certamente que o é… pois vivimos no Reino de España (Estado Español para outros) e polo tanto a afirmación dos defensores da imposición lingüística non dí nada que non sepamos: galegos, vascos, cataláns, canarios… somos todos españois falemos o que falemos, vivamos coma galegos ou vivamos coma asturianos….!
Porén aqueles que fan da lingua unha ‘cruzada nacional’ xa que ó parecer non teñen outro xeito de amosar a súa galeguidade e amor por esta terra máis que seguir cal papanatas as directivas dos filólogos de turno en sucesivas e pouco afortunadas reformas ortográficas que veñen a separar ós galegos e galegas en escolas e tendencías máis que a recuperar o idioma común… (de aí as risas sobre a lusofonía…) son os que ó parecer están máis doídos coas iniciativas que preconizan a liberdade dos falantes para expresarse na lingua que lles próa…!
Sentidiño, pouco pero que dure… é o meu consello ós que tan alporizados estades ó regreso das viaxes institucionais á unha Cuba post-revolucionaria subvencionados pola Conselleira de Cultura grazas ós impostos de tódolos galegos e galegas falen a lingua que falen… (pois ó parecer para recoller cartos non hai que pedir o Celga…)
Esta terra sempre foi bilingüe (cando non diglósica) e non vai ser grazas ós decretos que mude a situación da fala real das xentes que a formamos… se estivesedes en Santiago o pasado domingo escoitaríades un berro sabio: ‘Goberne quen goberne: Galiza non se vende!’ Nesto discrepo das palabras pronunciadas por Gloria Lago –presidenta de GB- cando xuntaba irónicamente a Vicente Risco con Manolo Rivas para dicir que tiñan un certo toque Greenpeace…
Tomo aquí prestadas as verbas de Rivas cando afirma o seguinte: “se hai algunha prioridade lingüística, é a da defensa da natureza, das xentes e as cousas que esta lingua nomea. A sorte da lingua galega radica nesa imbricación ecolóxica coa sorte da terra. (O porco, o estranxeiro, e a heterodoxia necesaria. Publicado o 23.02.2007 en El País).
Confío en que a cita non o convirta en sospeitoso de rebeldía contra as imposicións filolóxico-lingüísticas ás que tan afeitos están os nosos políticos nestas horas escuras.
Somos moitos, somos miles, somos centos de miles os galegos que falamos cando nos peta e onde nos parece ben facelo na lingua que nos sae de dentro e dicimos moitas cousas, berramos alto e claro que goberne quen goberne: este pobo non se vende!
Permitídeme citar a outro galego ilustre, Isaac Díaz Pardo, nestes tempos aldraxado i esquecido polos que din ter as claves do futuro para esta terra (que o demo os confunda!) cando falaba fai meses sobre o futuro da lingua: senon facemos algo por Galicia o galego vaise ver reducido a unha ‘lingua litúrxica’ que empregarán os que viven dela… referíase daquela ós políticos do Pazo do Hórreo…!
Nunha palabra, as imposicións lingüísticas nunca foron cousa boa… e en nome da lingua que todos dicimos amar e querer conservar para ó futuro, sería máis sensato repartir entre tódolos galegos e galegas os 50 millóns de €uros do Plano de Lectura. Sen ir máis lonxe, entre os profesionais do ensino que deberan ver recompensado tamén o seu traballo a prol da lingua galega cando os demáis sectores están sendo ‘armados’ para esta ‘cruzada’ de imposición lingüística que a algúns parécevos a cousa máis normal do mundo.
O Decreto de Normalización do Ensino debera contar cos profesionais docentes se quere rescatar a dignidade no uso do galego.
Erasmo
Amante da súa lingua e da Liberdade!