Castellano Galego
Boa parte das empresas galegas beneficiadas polas axudas correspondentes ao Plan de Competitividade do Sector de Automoción do Goberno central presentaron algún expediente de regulación de emprego (ERE) durante os meses anteriores ou posteriores á aprobación das subvencións.
Galicia recibiu preto de 90 millóns de euros (88,4) correspondentes a este plan aprobado polo Ministerio de Industria e que representa o 11% dos 800 millóns que distribuíu entre os 156 proxectos en trece autonomías do Estado.
Na comunidade autónoma, e segundo os últimos datos do Executivo sobre as solicitudes aceptadas e concedidas, foron doce as empresas e 14 os proxectos aceptados, cuxo investimento total ascende a uns 250 millóns de euros.
As esixencias para as empresas, no entanto, non semellan moi estritas. O caso é que destas doce compañías da automoción, oito presentaron un ERE nos últimos meses, máis do 66%, o que supón dous terzos do total. Algunha outra máis levou a cabo despedimentos tamén durante as derradeiras datas e manteñen en dúbidas boa parte do seu plantel.
Citroën, a firma máis beneficiada con estas axudas, que no seu caso ascenden aos 72 millóns de euros, non se libra tampouco desta contradición. Así, e tal e como adiantara este diario, a dirección da fábrica continúa adiante cun ERE de 300 operarios de taller aprobado pola Xunta de Galicia e con contratación de persoal eventual. A CIG, en contra das últimas decisións tomadas a cabo polos responsables da factoría, reproba as “razóns produtivas” polas cales se deu o visto e prace a un ERE que coincide cun incremento de fabricación de coches de 18.000 unidades. Pero o caso de Citroën non é o único. Case todas as compañías beneficiadas con estas axudas estatais, a maioría auxiliares da zona de Vigo, presentaron ERE nas últimas datas. Certo é que o repunte da venda de coches nos últimos meses atenuou os expedientes de regulación de emprego no sector, pero non é menos certo tamén que a maioría deles foron paralizados xusto despois de se aprobaren estas subvencións. No momento de presentar a solicitude, a principios de ano, moitas das compañías beneficiadas afrontaban conflitos laborais e despidos.
Outros mantéñenos aínda hoxe, como é o caso de Tréves, unha auxiliar téxtil de Citroën en Pontevedra que ten previsto pechar para trasladar a súa produción a Marrocos. O feche suporía o despido de 133 operarios, 129 deles mulleres.
Dalphimetal, adquirida pola multinacional estadounidense TRW, é unha das que nin tan sequera minimizou o impacto das súas regulacións laborais malia ser outra das empresas beneficiadas polas axudas. Acaba de anunciar que recortará 76 empregos na súa factoría viguesa ata final de ano.
Mecanizados Rodríguez Fernández, de Ourense, decidiu tamén en marzo presentar un ERE para rescindir o contrato de 57 dos seus 128 traballadores, tan só uns días despois de presentar o seu proxecto no Ministerio de Industria e pouco antes de que fose aceptado.
PAROS E DESPEDIMENTOS
Eurostyle, tamén en Ourense, xa presentara un expediente de regulación de emprego que afectaba a todo o seu plantel (145 traballadores) a principios de ano. Tamén durante aquel mes de xaneiro, Gestamp, con planta no Porriño, anunciara outro ERE para facer fronte á caída da actividade e que afectaba a 180 empregados de xeito temporal, a mesma opción pola que optara MGI Coutier, outro dos proveedores da factoría de PSA Peugeot-Citroën. Outras das beneficiadas, como Faurecia Automotive, paralizaron as súas intencións de suspender quendas de traballo tras o repunte experimentado en Citroën, pero sempre despois de presentar a solicitude para as subvencións e logo de negociar un ERE a finais do ano 2008.
O Grupo Copo –que levou a cabo 18 despidos a finais do ano pasado–, Viza Automoción e Transformaciones Metálicas Marsan, estas dúas con problemas e parte do seu plantel en dúbidas, foron outras das compañías beneficiadas polas axudas deste Plan de Competitividade do Goberno central. O obxectivo: fomentar os investimentos necesarios para optimizar procesos produtivos e reorientar a produción cara á vehículos de maior valor engadido, máis sostibles e seguros. O emprego queda para outros plans
Publicado en Xornal de Galicia, 21/07/2009