Vigo Castellano  Galego  

A ollada do Sereo

cousas da cidade

Vivenda en Vigo.

07/07/2006

Acabo de ver o minidocumental recomendado por Luís sobre as vivendas baleiras. Está moi ben que se fagan traballiños coma este. Hai que aproveitar os novos espazos de expresión.

Penso que en Vigo e en Galiza fáltanos moito neste senso. Requiren esforzos colectivos e comprometidos, e por iso é complicado. Mais son moi necesarios e saudabeis.

Levaba tempo coa idea de facer un post sobre o tema que trata, mais ese mesmo tempo faltou para escribilo minimamente. Así que aproveito ese vídeo para unha pequena reflexión.

O problema da indixencia en Vigo, que se reflicte brevemente na grabación, non deixa de medrar. Cando saíu á luz hai pouco, que non había cobertura abondo para garantir que estas persoas puidesen nin tan siquera durmir nunha cama, porque a demanda multiplicaba a oferta, pareceume algo escandaloso.
E o contraste entre a indixencia e as vivendas baleiras constitúe unha evidencia máis de como a nosa sociedade, o noso modelo de convivencia, fracasa até o punto de non dar unha solución que é posíbel a situacións moi graves.

Mais tamén aparece como outra evidencia de fracaso, a súa inaccesibilidade para moita xente que traballa e ten unha integración social plena. A carestía da vivenda é tamén escandalosa cando ollamos vivendas que non se usan.

O feito de que se corrompa o uso do chan, convertindo nun valor de cambio o que debe ser un valor de uso, é un dos grandes vicios do modelo económico imposto en España, coa súa versión galega.

Aínda que o vídeo non afonda nas causas e menos nas solucións, si sinala detalles moi reveladores da actitude da administración pública: a sistemática renuncia de moitos concellos a exercer os seus dereitos sobre o 10% de chan que lles hai que ceder. Tamén pode levar a se perguntar pola renuncia dos gobernos a lle meter man á inversión en vivenda, non para o uso, senón para o aforro, coma quen merca accións na bolsa.

Neste contexto, agora que tanto se fala da responsabilidade municipal, se ben moitísimas veces é certa e escarnecedora (pensemos na especulación e violencia mafiosa no Val Miñor); non podemos esquecer que o maior grao de responsabilidade é dos gobernos que fixan a lexislación marco e que no fondo son quen deseña todo o funcionamento estrutural do urbanismo (como se adoita dicir "quen fai a lei, fai a trampa").

A agudización recente destes problemas penso que ten que ver coas reformas dos gobernos Aznar, certamente sumada aos múltiples efectos do euro (hipotecas baixas, diñeiro negro, etc.), pero que foi clave ela mesma na expansión ao baleiro da especulación urbanística.

Neste senso, penso que debemos reivindicar moitas accións.

Ás administracións locais que fagan un planeamento urbanístico que garanta servizos accesíbeis e contemple vivendas oficiais, como se fixo aquí en Navia, pero con maior intensidade aínda. Penso que nesa dirección vai o novo PXOM, mais non é abondo, porque ademais do plan dispois é necesaria a vontade de o facer cumprir, e de evitar remendos que o desvirtúen como se fixo con Abrir Vigo ao Mar.

Mais sobre todo aos gobernos central e autonómico, hailles que esixir unha lexislación e unha inspección e control eficaces. Non pode ser tan doada a fraude con pisos de protección, iso devela desleixo institucional na función de control. Ten que haber máis pisos de protección, está claro que non abonda cos que hai, teno que esixir a lei, os beneficios dos promotores permíteno sobradamente. E hai que forzar ao aluguer. E isto facelo con honestidade e intelixencia, non como propaganda e como acubillo do chanchullo, como ocorreu coa bolsa de vivenda do último goberno de Fraga; cando semella claro que non se soubo ou non se quixo facer correctamente para non tirar os cartos, e aínda se empeoraron as cousas incidindo na suba dos prezos.

Quen queira facer negocio coa vivenda, que o faga proporcionándoa e poñéndoa no mercado, non pechándoa e deixándoa baleira e sen uso. Unha casa non é un depósito bancario, ocupa o noso territorio, e esixe servizos e investimentos públicos cos que carga a sociedade toda.

É preciso reconducir a evolución da economía hacia unha estrutura máis inclinada á produción especializada e de calidade, substituír a intelixencia, o coñecemento e a produción novidosa, pola adicción cega e suicida ao tixolo. É preciso enfrontar o mono que sofre a nosa sociedade do formigón en vea, ou o sofrimento futuro será moito peor. E é preciso facelo ben, con habelencia e con tino.

Hai moitas experiencias e outros tantos mecanismos de políticas orientadas nesa dirección. Só fai falta vontade firme e decidirse, dispois terase que escoller a política que prometa maior eficacia para o noso país e lexislar e actuar en consecuencia. Mais o importante penso que é aclarar as prioridades e fixar os obxectivos. Corresponde á cidadanía informarse e esixir en consecuencia. En función do noso grao de conciencia da situación e dos problemas, así poderán e deberán responder os partidos políticos e outras organizacións cidadás. Como se adoita dicir: está na nosa man.

http://vigo.cidadans.net/trasnoberbes/2006/07/07/vivenda-en-vigo/
3 Comentarios - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. Cozorello,moitas grazas por velo vídeo (non me sinto só.. ;) Son moi interesantes as reflexións que propos, eu penso que os gobernos locais non lles interesa meter man niso ¿Sabes por porque? Porque a construcción é o que da cartos!!! Os indixentes non e as vivendas baleiras tampoco. Deberían expropia todas aquelas que levan más de X anos sen habitar. Non é xusto o que se está facendo coa vivenda neste pais. Vigo é só un reflexo, unha peciña do puzzle que afecta a outras moitas cidades. Unha mágoa pero tamén creo que os cidadáns teñen que facer algo.

    Publicado por: Luis | 07/07/2006 13:02:02
  • 2. Eu penso que o tema é moito máis complexo. Cada partido político ten posicións diferentes, que incluso varían co lugar. Ademais penso que a marxe dun goberno local para facer ben as cousas é moi pequena por mor da lexislación. Porén, a marxe para facer falcatruadas é excesiva.

    A expropiación a día de hoxe penso que non é legal nin economicamente posíbel, e que hai mecanismos moito máis eficaces, como gravar fiscalmente as vivendas adicionais á habitual que non están alugadas -ou gravar a todas e desgravar á vivenda habitual-, por poñer un exemplo moi sinxelo. Pero hai mecanismos moito máis sutís e ás veces máis efectivos, que teñen moitas veces que ver coa política económica. É máis, moitas veces o problema constitúeno mecanismos perversos que inducen á especulación, como o axente urbanizador, a desgravación de compra de vivenda nova e non de segunda man, etc. O goberno central ten as competencias clave nestes aspectos. E o autonómico ten algunhas que son relevantes, como a lei do solo, etc, que se non fixan o cerne da política, si poden inclinala hacia un lado ou outro.

    Unha razón para que iso non se regule a fondo é o enorme volume que representa a construción na economía, constituíndo un dos principais sectores de actividade. Isto refórzase polo poder das grandes empresas construtoras, que teñen participacións en bancos e medios de comunicación e son participadas por outras empresas..., tendo unha enorme capacidade de presión sobre o goberno.
    Por exemplo, o ataque mediático contra a iniciativa dos minipisos protexidos do goberno central e da Xunta, debeuse a que os minipisos son un dos grandes negocios actuais das promotoras.

    Os gobernos locais, o instrumento máis importante do que dispoñen é o planeamento urbanístico. Nel estabelécense os usos posíbeis do solo. O que vai para residencia, para industria, para comercio, para zonas verdes, transportes, etc. É moi importante que acerte na previsión dos servizos de usos necesarios para a cidadanía. Por iso require todo un proceso de información técnica. Mais

    Publicado por: Cozorello da Ría | 07/07/2006 14:34:11
  • 3. Mais dispois tamén son importantes as modificacións que se fagan destes planeamentos, porque moitas veces afectan de pleno as liñas mestras e estratéxicas de evolución dunha cidade ou vila, podendo mellorar ou estragar características do plan vixente.

    E dispois está o enorme ruído que xorde da axitación inmobiliaria, dos cruces de intereses económicos e políticos moi fortes. Temos que facer un esforzo por filtralo, e atender o importante.

    Un exemplo próximo e de pequena escala deste ruído producíuse co noso PXOM, que agora está na Xunta pendente de aprobación. Xuntáronse na súa oposición os que o criticaban por considerar que permitía moita edificabilidade, ao lado dos que esixían máis volume de edificabilidade para eles (a maioría), e aos que practicaron oportunismo político. E aínda se mesturaban con conflitos puntuais polo trazado da rolda, etc. Isto é unha proba da dificultade práctica de realizar un planeamento que é imprescindíbel, para non irmos dereitos ao desastre urbanístico que tantas veces se debruzou sobre a nosa cidade. Ese plan evita futuras Torrecedeiras, crea un cinto verde e opta en moitos casos por edificar en altura para non ocupar superficie. Xeraliza a peonalización. Procura o soterramento da circulación e do transporte. A retirada de actividade do Porto ao interior (o Porto Seco). E ten carencias, moitas delas debidas á incertidume sobre as intencións doutras administracións e empresas. Ou a falta de competencias sobre a liña de costa, a cargo do Porto e non do Concello.
    Como ves, persoalmente son favorábel ao groso do PXOM, que é o que coñezo.

    Mais creo que o problema da vivenda vai moito máis alá, require políticas económicas e urbanísticas moi progresistas, e nisto –como en moitas outras cousas- hai que ollar a Europa e ao territorio e poboación que temos, ou como dicía o poeta: “Galicia levántate e anda/ como en Irlanda / como en Irlanda”.

    Publicado por: Cozorello da Ría | 07/07/2006 14:34:47

Publicar un comentario

Puedes realizar comentarios utilizando tu nombre de usuario y contraseña. Si aún no tienes un nombre de usuario y contraseña, pincha aquí para registrarte en Cuadernos Ciudadanos.



Recuperar contraseña



 


authimage


(Fijar cookies para el nombre, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Derechos reservados